BON IVER NO COLISEU DE PORTO



Cando un lle adicou tantas horas na casa a dous discos como son "For Emma, Forever Ago" e "Bon Iver, Bon Iver" poden suceder dúas cousas. Unha, acabarse cansando deles e deixalos gardados ata revisitalos ao chegar aos corenta... ou dúas, pasar ao seguinte estadio e ver á banda en directo para que as posteriores escoitas teñan un novo significado. Esta segunda opción foi a que escollín.

 

Erguímonos o día da patria, o 25, despois de asistir o día anterior á edición 2012 do Sinsal San Simón e co bo sabor de boca deixado aínda nas papilas, a néboa non me deixaba ver nin o que había inmediatamente máis alá da fiestra do meu piso en Pontevedra, almorzamos, collimos o coche e rumbo á cidade de Oporto. Antes de cruzar a raia o sol comezaba a abrirse paso pero ao chegar a Matosinhos aquela néboa volveu a facer acto de presencia, algo que non minaba o ánimo dos portugueses que desfrutaban da súa dose de area e mar. 

 

Comimos nun restaurante ao que lle tíñamos moitas ganas, o Cafeína, de coidada cociña de autor. A terrina de foie gras con cebola confitada e marmelada de figo seguido duns ovos revoltos con parmesano e rúcula e regado todo dun D.O. Douro Diálogo do 2010 foi o preámbulo perfecto dun gin & tonic en terraza no W do Wilson en Clérigos… e todo o conxunto, á súa vez, un bo previo para o que dicían era o concerto do ano, Bon Iver no Coliseu.

 

Cando dobramos a esquina coa rúa Santa Catalina, a longa cola púxonos os ollos como pratos pero a velocidade coa que avanzaba devolveunos ao noso estado habitual, a tranquilidade. O show comezaba ás 21:00 h. e ás 20:30h. xa agardábamos dentro, en platea, sentados no cálido chan de madeira mentres contemplábamos a impresionante arquitetura do edificio. Sen sabelo, á hora prevista para o comezo, apareceu por alí Sam Amidon, un pirado músico que durante corenta minutos fixo das súas só e acompañado de violín e trompeta. Non era tarefa doada a daquel tipo pero soubo entreter e amosar a vea máis impetuosa e visceral da música. Logo dun recoñecemento meritorio do público tocou agardar media hora que se fixo moi longa, onde a calor da sala facía estragos no corpo dun mariñano afeito ao fresco e revitalizador nordés. Aguantei como puiden ata que as luces baixaron en intensidade.

 

Bon Iver no seu formato de nove membros prantouse no escenario envolto en redes mariñeiras e luces de barca, un ambiente idóneo para o exercicio de artesanía fina que alí vivimos. Recoñezo que en ningún momento quixen prestarlle atención ao orde das cancións… nin sequera a recoñecelos, só me deixei levar pasando dunha lembranza a outra ao tempo que escoitaba aquel son amigo. 

 

Viña á espectativa pola crítica da súa primeira xira na que a ausencia do autotune dicían que desmerecía os seus concertos pero non apreciei nada diso… se cadra un pouco en "re:stacks", aínda que non o vin como algo negativo, máis ben como unha canción cun novo sentido estético, máis emotivo se cadra… e ao parecer dos asistentes así debeu ser porque os aplausos debéronse escoitar na Ribeira.

 

Cun protagonismo especial do seu segundo disco, Justin Vernon non quixo deixar aos seus primeiros seguidores sen o seu trozo de merenda e adicoulles algúns dos mellores temas do seu debut, máis íntimo e persoal. 

 

Sorprendeume moi gratamente a potencia da banda, que no primeiro momento no que tocaron xuntos, dúas baterías incluídas, soaron como os anxos, a un nivel de volume que traspasaba a pel e te transportaba ás paisaxes que describen os instrumentos e a suxerente voz do xenio barbudo. E é que este tipo é moi grande. Deu mostras inequívocas do seu talento cantando como só el sabe, desgarrando a guitarra como se estivese poseído polo espíritu dos indios winnebagos do seu Wisconsin natal.

 

En ocasións víñaseme á cabeza Sufjan Stevens (como en "Perth") e ata Coldplay (en "Blood Bank") pero abría os ollos e resituábame no concerto dun dos tipos que máis me fixo revolverme por dentro nos últimos anos. Non hai moita música que lle faga a un quedarse no sofá, escribindo sobre os seus sentimentos, un sábado pola noite, na soedade impenetrable dun apartamento no que falta unha persoa...

 

A Bon Iver teño que agradecerlle terme axudado a dixerir algunha que outra pena pero tamén a evocarme pensamentos positivos que axudan a sair do paso, todos eles necesarios para seguir o camiño.

 

As atmósferas que creou durante o concerto foron enormes, sobre todo a de "Holocene", na que me deixei perder en min mesmo, movéndome ao ritmo deses redobres de batería e esas luces que te guían ata terra como os faros no mar. 

 

Esa noite fun o rapaz máis feliz da terra porque me bañei nas emocións e logo deixeinas atrás, sen miralas, simplemente andando, avanzando como se fose a banda sonora da miña vida.

 

"Hinnum, tx" foi un momento moi especial pola sincronía coa que a tocaron, en total concordancia e con esa voz que viña do máis alá para quedarse na sala con todos nós. Eses pasos de ausencia de son ao barroquismo instrumental foron brutais. 

 

A "Lisbon, Oh" acompañárona os meus latidos de principio a fin, con "Skinny Love" contaxioume o sentimento e cantei con el eses "mamama mamamama" e conseguinte estribillo.

 

En definitiva e profundidades aparte, o vivido a noite do mércores no Coliseu durante a hora e corenta minutos (con dous bises) que durou o concerto vai ser algo moi difícil de esquecer… moi grande ten que ser o golpe na cabeza para borrar da miña memoria tal dose de entrega, tal comuñón co público (o cal, eso sí, debe aprender cando un aplauso axuda a unha canción e cando a estropea), tal mostra de actitude e forza, tal agasallo de sentimento e emotividade, tal proba de nostalxia que ve a luz ao final do túnel, tal encontro entre desexo, gratitude e recoñecemento, tal forma de experimentar a música como o que é, a "arte de combinar os sons da voz humana ou dos instrumentos, ou de uns e outros á vez, de sorte que produzan deleite, conmovendo a sensibilidade, xa sexa alegre ou tristemente" (RAE).

 

Gracias por existir Bon Iver! Gracias por estes dous discos! Pervive no tempo… e pervive ben!

compartir en facebook
compartir en twitter
Bookmark and Share
PUBLICADO POR Jose Angel Lopez el 27/07/2012
Agenda, Música

La revista Dot: nace como una necesidad de dar a conocer lo más relevante en el panorama artístico y cultural de Galicia. Una guía útil, pero sobre todo eficaz, para los que viven aquí y los que vienen por primera vez, cuya intención es dar a conocer todo lo que se puede hacer y en dónde se puede hacer.  Cada dos meses, os presentamos en una tirada en papel de 12.000 ejemplares distribuidos en casi 1000 puntos de distribución ... leer más

Suscríbete a nuestro boletín semanal y recibe nuestras recomendaciones semanales en tu correo
A Coruña | Ourense | Pontevedra | Santiago | Vigo
DOT MAGAZINE © 2013 · Todos los derechos reservados · Dot: está editada por ChaChaChaStudio | Aviso Legal | Panel de redactores
Irmandiños 8, 4ºA, 36201 Vigo (SP) | T. +34 692 140 602 | info@dotgalicia.com