O PRIMAVERA SOUND DE PORTO
QUINTA FEIRA 7 DE XUNHO. Chegamos a Porto ás catro do xoves, hora local. Óscar, Emilio (The Birds, Black & Blonde), Tania e Yiyi, Eva e Raidont, Carla e un servidor. Sol e nubes… como nos anticipaba o parte metereolóxico. Metimos os coches no parque de estacionamento. Deixamos as cousas no hotel. Baixamos á parada de metro do Bolhao e rumbo ao Parque da Cidade. Paramos en Matosinhos Sul e camiñamos uns cincocentos metros ata ver o mar tras unha fermosa escultura de rede vermella, xunto á cal estaba o recinto do festival. A cola de entrada era tan longa coma o fío dun carrete en horizontal… pero avanzaba tan rápido como unha serpe do deserto. Coincidimos con Rosalía, Celsa e Laura. En media hora estábamos dentro cunha pinta de cervexa, a sosa pulseira laranxa no pulso e as enerxías ben cargadiñas. Bradford Cox, aka Atlas Sound, no ecuador do show, no Palco Primavera, dábanos a benvida coa súa austeridade corpórea e con varios comentarios de piropeo á cidade lusa. Cinco cancións foron suficientes para darme conta de que o seu proxecto en solitario, aparte de Deerhunter, desmerece moito ao vivo. Deixoume totalmente indiferente. Cambio de escenario obrigado para o Optimus a agardar a Yann Tiersen e os seus. Sen unhas expectativas definidas, leveime unha grata sorpresa cun son moi serio e profesional, ese co que se aprecia a rodaxe neste tipo de asuntos sen caer na monotonía artística. A súa intensidade, sen rastro de "Amélie" animoume para o seguinte acto. Aparecen Iago, Jorge e as dúas Elena's R. Pouco despois faino Miguel. The Drums sairon ao escenario Primavera con novo membro e un espectáculo menos divertido que o que ofrecían na xira do seu primeiro álbume, o que me serviu para apreciar que a formalidade post-surfeira non lles senta nada mal. Combinando a luz de temas como "Let's Go Surfing", "Best Friend" e demáis pezas de verán con outras máis escuras de "Portamento", os estadounidenses puxeron ao público a cantar e bailar cun entusiasmo que se emparentaba coa chegada da noite. O vocalista ten un carisma e estilo que quen lle dera a moitas vellas glorias. Ás 22:45 h. aparecían Suede para interpretar eses clásicos de varias xeracións, unha oportunidade única para ver a un dos grupos máis influintes da fornada británica noventeira. "So Young", "The Drowners" ou "Animal Lover" soaron moi emocionantes, con multitude de lembranzas víndoseme á cabeza, a diferenza do resto de cancións, ás que non prestei practicamente atención. Era a hora da comida rápida (non lixo). Unha bifana e volta ao prado. Pasando completamente de Mercury Rev sen saber moi ben o motivo, quedámonos na parte inferior esquerda do Palco Optimus (na que foi a nosa situación en todo o festival, en todos os escenarios, sempre abaixo á esquerda). Era o turno de The Rapture. Esperaba moito e deron moito. Un dos grandes momentos do Primavera portuense. Moitas cancións do último álbume e algunha anterior para contentar a unha multitude que estaba alí (en grande parte) por eles. A pesares da corta duración, a festa foi das boas, brazos en alto, sorrisos, abrazos, momentos de éxtase, saltos, movementos dislocados de cabeza, un aire sexual sobrevoando e unha despedida de xornada por todo o alto. Pena que non caese "Come Back To Me" e ben polo hitazo "How Deep Is Your Love". En taxi suicida de volta, 160 km./h., curvas espaciais, "Buscádevos a vida!"e un chófer calcadiño ao pai duns dos acompañantes co que concordamos en que o seu bigode era algo dunha esencia superior. SEXTA FEIRA 8 DE XUÑO. Ás 10:00 h. en pé. Un zume de laranxa natural, unha queixada de maracuiá e un café só nunha cafetaría calquera. Un paseo por Vía Catarina e arredores. Unha visita fugaz ao FNAC e a unha tenda de skate. De novo metro do Bolhao rumbo á Rúa Miguel Bombarda, onde nos esperaba o almoço do día na mellor hamburguesería do mundo, Bugo Art Burgers. Uns amagos de tiróns musculares nos bíceps femorais e comboio para o festival. A mesma xogada, entrada apurada e cervexa, aínda que esta vez con parada na carpa do merchandising para comprar unha camiseta branca de Beach House, unha das miñas apostas deste Primavera. Chegamos ao Palco Primavera uns trinta minutos antes de que Yo La Tengo saltasen ao escenario, vinte antes de que se nos unise Carlos (O Tano). A lexendaria banda do indie estadounidense que tiña bastantes ganas de experimentar sairon a unhas 19:00 h. da tarde dun sol pracenteiro e deron un concerto moi correcto, lineal, relaxado, cun momento de apoteose, de relaxación emotiva baixo os ritmos da fantástica "Mr. Tough". non foi un mal comezo. Mentres no Palco Optimus comezaban a preparar os aparellos para The Flaming Lips, cambiamos ao escenario veciño para ver o espectáculo bizarro de Rufus Wainwright, cheo de amaneiramento e pose horteramente elegante, cun ambiente tan épico como aburrido que provocaba unha parálise parcial incontrolada e a consideración de que aquel non era momento para o cabaleiro de zapatos vermellos. Imaxino que nunha sala será máis aproveitable… ou se cadra non souben aprecialo. Daríame tempo de ter ido a The War On Drugs? Pouco máis tarde, The Flaming Lips, con toda a parafernalia habitual, burbulla infllable, plásticos brancos e visóns ao pescozo, repetían o seu repetitivo show de berros, paseos pola fronte sobre o público e subidas a altavoces. Monotonos? Sí! Divertidos? Tamén! (Polo menos a primeira vez). Non foi un grande concerto pero sí algo que hai que ver polo menos unha vez. Impresionantes "Do You Realize?" e "Yoshimi Battles The Pink Robots Pt. 1". Eso sí, que se deixen de tanto pedir berros de ánimo ao público, de tanto insulto doado tipo "motherfuckers" e que actualicen os seus directos, que iso de "creatividade" quere dicir algo… Con Wilco, no Optimus, as cousas non foron como pensaba. Abriron cun temazo tremendo, o extenso e experimental "Art Of Almost", logo non me chegaron e hacia o final, abandoaron o vóo en raso para elevarse un pouco sobre o céspede. Cincuenta minutos, un escenario común e un público pouco atento non van con Jeff Tweedy e compañía. Neste sentido, acertei ao pagar os corenta euros do grandísimo concerto que deron no novo auditorio de Vigo. Beach House, a quen me apetecía moitísimo ver, estaban no Palco Club pero o baixo estado anímico no que me deixara Wilco, non me permitía baixar aínda máis as pulsacións cos de Baltimore e quedeime no Primavera para desfrutar con The Walkmen. Xa os vira na anterior edición en Barcelona e quedara moi contento coa súa actuación. Máis do mesmo, que é moito, calidade, carácter, elegancia, sofisticación, bos músicos, un vocalista como un carballo, con máis forza interpretativa que case todos e un paseo persoal polos seus mellores discos, "You & Me" (sobre todo) e "Lisbon". Bo concerto. Para rematar a noite, M83 visitaban o escenario do lado coa carta de presentación que outorga a mellor canción do ano (para moitos… entre os que me inclúo) e un dos mellores álbumes (non para o meu gusto). Tamén marcados pola brevidade (apenas unha hora… sendo os últimos), sorprendéronme positivamente polo lucido do seu espectáculo, con ritmos áxiles, enerxía de medición alta, diversión que entraba polos poros e unha "Midnight City" enormemente emocionante con ese maximalismo instrumental e ese saxo final vitalista. Hamburguesa picante dos Reis do Polo Frito co Showcase de Numbers de fondo no Palco Club, tan só dez minutos de espera para o bus, aguantar a unha petarda inglesa cun bebé en camiño e máis cega que calquera dos seus compatriotas… e camiña quente ben abrazado á miña muller. SÁBADO 9 DE XUNHO. Eran as 11:00 h. cando saía do hotel para o almorzo na mesma cafetaría calquera do día anterior. Eran as 11:30 h. cando atopamos a Manolo. Eran as 12:30 h. cando chegaron as rapazas. Era a unha cando baixamos á preciosa Ribeira do Douro e o ceo ameazaba con chuvia. E eran as 13:30 h. cando nos metimos no Tea Point para experimentar o seu brunch de fin de semana. Á saída, cambiamos o plan de tomar un gin & tonic polo de ir descansar ao hotel (uns) e de compras (outros). Ao xuntarnos de volta dos asuntos, a auga caída do ceo era unha realidade que aniquilaba o ánimo. Cervexas e picoteo na Brasileira, unha praza sen xente cunha pantalla supergrande para os partidos da Eurocopa e rumbo ao recinto. Cada un co seu chubasqueiro pero sen unha soa prenda (nin os calzóns) sin verse afectada pola constante auga, mantivémonos como "homes do norte" ante a tempestade, xunto a bastantes máis persoas, ao carón de Spiritualized, unha das miñas noivas do OPS. Deron un concerto moi digno, repasando temas máis coñecidos e menos, uns do seu extraordinario álbume de estreo, outros de "Amazing Grace" e outros da época máis dourada, a dos seus primeiros discos. Pese á climatoloxía adversa e ao seu idiota estatismo, gustoume moito, vivino, cantei por dentro e botei de menos que, canto menos, agradeceran cun "Thank You" a paciencia e a fortaleza mental dos alí presentes. Capullos! Paraba a chuvia despois de catro horas non-stop cando papábamos un par de hamburguesas na zona de comida, despois de esperar media hora, como tontos, polos Death Cab For Cutie, que ao final non sairon por problemas técnicos co escenario e a humedade. Co corpo un case nada máis quente polo picante, desprazámonos ao Palco ATP para ver aos xa comezados I Break Horses, unha das sensacións da tempada. Escoitamos catro dos mellores temas do álbume mentres buscábamos aos demáis que viñan de Baxter Dury baixo cuberta. Soaban realmente ben pero foron extremadamente breves… di ti que o disco tamén o é. Con todo, a xente saía contenta. Alí foi onde nos atopamos con Joseper despois de numerosas chamadas carentes de información útil. Fomos para o Palco Club. Primeiro, The Weeknd, esa mostra que combina o R&B actual tipo Beyoncé e o R&B "made in Prince" co nocturno e "coolísimo" dub inglés. Unha voz espectacular no positivo (a garra estilística negra) e no negativo (por exceso de histrionismo mainstream), uns ritmos escuros e unha forte presencia estética foron as grandes bazas destes precoces revolucionarios da rede. Un show diferente. Fixemos a visita aos postos e lanceime por un cachorro ben cargado de metralla para subir o ánimo. A roupa comezaba a secar… a de fóra, claro… Tocaba un pouquiño da suavidade de Kings Of Convenience no Optimus e agradecina de verdade. Sabía o que ía ver e vino. Melodías con aderezos lixeiros, minimalistas, a dúas guitarras, dúas voces, cancións preciosas, desas nas que te agarras á túa noiva para sentila moi preto. E hacia o final, outras máis animadas con outros catro músicos (baterista e baixista incluídos) que lembraron máis ao outro Proxecto de Erlend Oye, The Whitest Boy Alive. "Volvéronse tolos!" dicía a xente. Gracias unha vez máis aos de Noruega por ser así. Tempo de Washed Out de volta no Club. Un disco que non me gustaba demasiado, que me cansara rápido, convertiuse nun concerto moi interesante, no que os sintetizadores voaban a un volume bastante alto, unha electrónica futurista no pasado coa que bailamos sen parar soportando a dor de pés e de costas que me apretaba para irme. Aguantei, aínda así, prescindindo ademáis do show de The XX, o xenial pase de John Talabot (a cara descuberta) e o seu compañeiro de festa. O seu longo álbume "Fin" caeu case na súa totalidade coa mestría propia de quen ten moito que dicir, tocando bastantes partes en directo e deixando as gravacións para as bases puras. Este tipo é grande e ten moita clase aos mandos, con ese novo rexistro ao Caribou. Cando quedaban unhas cancións para o remate, decidimos abandoar e irnos descansar antes de que a cola para a variable "bus-taxi" fose maior e sen absolutamente ningunha gana de aguantarlle o bote ao tralleiro Erol Alkan. DOMINGO 10 DE XUNHO. Saímos ás 11:45 h. do hotel. Metimos as cousas nos coches, dentro do parking. Comimos outro brunch na Taberna do Bonjardim e volvimos con calma e considerablemente cansados. Na miña cabeza, os que non vin e quería ver, Beach House, Other Lives, The War On Drugs, Black Lips, Rafael Toral e Siskiyou. SEGUNDA FEIRA 11 DE XUNHO. Acabo de escribir esta reseña ás 23:39 h. , cansado, despois dun día moi feo pero coa boa lembranza de ter desfrutado, unha vez máis, de boa música, en boa compaña e nun entorno chulísimo… e así o seguirei facendo… porque, mentres se poda, estes pequenos instantes de felicidade (e a felicidade non é máis que a suma destes pequenos momentos) non nolos debe quitar nin Rajoy, nin Merkel, nin os mercados, nin as intervencións, nin toda canta merda nos rodea. |